A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) fundouse en 2007, pero desde o inicio do milenio existía xa tecido asociativo en Galicia. En concreto, a nosa entidade na Coruña -ADACECO-, Vigo –Alento– e Compostela –Sarela– fundáronse ao longo do ano 2000, e como ben sabedes, o ano pasado estivemos de 20 aniversario. O que ía ser un ano de celebración remataron sendo dez meses de pandemia, as actividades previstas tiveron que ser canceladas, e a Federación e as súas asociacións presentamos agora o traballo realizado para conmemorar as dúas décadas de vida do asociacionismo do dano cerebral.

Trátase dun libro que a través de fotografías, unha cronoloxía, e diferentes testemuños, amosa como as persoas e familias con dano cerebral pasaron de non ter onde acudir a dotarse de cinco asociacións, instalacións de atención e rehabilitación, un centro ocupacional, unha residencia, e un enorme abano de recursos complementarios que axudan a cumprir co principal obxectivo de FEGADACE: o reforzo da autonomía e a mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral.

Pero ademais de amosar unha historia de implantación e crecemento, esta conmemoración dá voz ás persoas con dano cerebral, que tamén conseguiron facerse moito máis visibles do que eran hai 20 anos. Aínda así, cada día enfróntanse a miles de barreiras que lles impón unha sociedade que non comprende a diversidade como debería. Por iso neste vídeo un grupo de persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela afirman que son precisamente iso, persoas, e non o seu dano cerebral. Contan os seus soños, os seus medos, a súa traxectoria vital… que son, sinxelamente, iguais ás de calquera persoa sen discapacidade.